Herba perenne de 1-2 m. Talos de cor verde, avermellada ou púrpura cando é nova e vólvese marrón ao envellecer, numerosos, erectos, lisos e cilíndricos, pouco ramificados cara o ápice. Cubertos de pelos pegañentos cando son novos. Follas de cor verde escura con forma de diamante ou triangular, dispostas nos talos de forma oposta; de 5-8 cm de longo e 3-7,5 de ancho e bordes dentados. Flores tubulares de cor branca, duns 3,5 mm de longo, agrupadas en capítulos de 5-10 mm de diámetro.
Florece de maio a xuño. É unha planta agamosperma triploide, capaz de producir un elevado número de sementes, aínda que con baixa capacidade xerminativa. Reprodúcese moi ben por vía vexetativa e enraíza facilmente os escallos pouco lignificados. Prospera en climas tropicais e subtropicais ou ben temperados, con invernos suaves sen xeadas.
Ambientes ribeiráns de interior (mananciais, zonas inundadas ou outros enclaves húmidos e charcas e estanques). Bosques montañeses húmidos. Matogueiras de medianías. Zonas urbanizadas. Terreos de cultivo e zonas verdes de orixe antrópica. Precisa certa humidade edáfica. Refusada polo gando. Tolera a salinidade moderada. Alta capacidade de crecemento e expansión e pouco selectiva na elección do hábitat.
Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras e Fichas documentais das EEI do RD 630/2013